Estructura da xestión dos Fondos Europeos

A execución dos Fondos Estruturais e de Investimento Europeos presenta unha clara distribución das competencias entre os Estados membros e a Comisión Europea, baseándose nun modelo de execución compartido. A Comisión Europea ten competencias de desenvolvemento  normativo da lexislación sobre fondos europeos, xestión financeira e supervisión e control da normativa reguladora destes fondos. Pola súa banda, corresponde aos Estados membros a súa execución, asumindo as responsabilidades de xestión, control e auditoría.

No ámbito deste reparto competencial, cada Estado membro da Unión Europea é o responsable de designar unha autoridade de xestión, unha autoridade de certificación, unha autoridade de auditoría e, no seu caso, organismos intermedios de execución do programa.

  • A Autoridade de Xestión é unha autoridade pública, nacional, rexional ou local ou un organismo público ou privado designado polo Estado membro para xestionar e executar un programa operativo. Realiza funcións relacionadas coa xestión do programa operativo, a selección de operacións ou a xestión e control financeiro do programa operativo. É a responsable da xestión e aplicación efectiva dun programa operativo.
  • A Autoridade de Auditoría é unha entidade ou organismo público, nacional, rexional ou local, funcionalmente independente das autoridades de xestión e certificación, designadas polo Estado membro para cada programa operativo e responsable da verificación do funcionamento efectivo do sistema de xestión e control.

    Entre as tarefas da autoridade de auditoría inclúese a comprobación do funcionamento eficiente dos sistemas de control e xestión (auditorías de sistemas). Tamén é responsable de realizar os controis especificamente dirixidos aos gastos declarados (auditorías operativas).

    As funcións da autoridade de auditoría son asumidas pola Intervención Xeral do Estado.
  • A Autoridade de Certificación é unha autoridade ou organismo público, nacional, rexional ou local designado polo Estado membro para garantir a precisión das declaracións de gastos e solicitudes de pagamento antes de seren enviados á Comisión Europea. Por iso, é responsable de comprobar por unha banda, que a declaración de gastos é exacta, e que se realizou aplicando sistemas de contabilidade fiables e que se basea en documentos verificables e, por outra, que o gasto declarado é conforme co dereito aplicable na materia e que se realizou en relación con operacións seleccionadas para financiamento, de conformidade cos criterios aplicables ao programa e de conformidade coa lexislación aplicable.
  • Cómpre mencionar tamén os Organismos Intermedios. Están definidos como todo organismo público ou privado que, ben actúe baixo a responsabilidade dunha autoridade de xestión ou de certificación para o desempeño de determinadas tarefas propias desas autoridades, ben desempeña competencias en nome de tal autoridade en relación cos beneficiarios que executen as operacións nas que se concreta a execución dun programa operativo determinado.
  • Finalmente, cabe mencionar os Órganos de Xestores dos fondos comunitarios, que poderían definirse como aqueles órganos ou unidades administrativas da Administración autonómica galega que realizan actuacións, a través dos distintos métodos de xestión (contratación, subvencións), que son financiadas con fondos comunitarios.