Os distintos fondos

Fondos Europeos de Investimento: construíndo o futuro da UE

Máis da metade dos fondos da Unión Europea canalízanse a través dos Fondos Estruturais e de Investimento Europeos, que teñen como obxectivo reducir as desigualdades rexionais, fomentar o crecemento económico e mellorar a calidade de vida dos cidadáns. Estes fondos son xestionados conxuntamente pola Comisión Europea e os Estados membros. 

Os principais fondos europeos que financian estas políticas son os seguintes:

  • Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER)
    Aspira a reforzar a cohesión económica, territorial e social a través do investimento en sectores que fomentan o crecemento, melloran a competitividade e promoven a creación de emprego. Tamén financia proxectos de cooperación transfronteiriza. Os seus investimentos concéntranse en áreas prioritarias como:
    • Innovación e investigación
    • Dixitalización
    • Apoio ás pequenas e medianas empresas (pemes)
    • Economía de baixas emisións de carbono
    • Mobilidade urbana sustentable
  • Fondo Social Europeo (FSE+)
    Investe nas persoas, mellorando o acceso ao emprego, a inclusión social, a educación e a capacitación. Presta especial atención aos colectivos vulnerables e á redución da pobreza e a exclusión social.
  • Fondo de Cohesión
    Dirixido aos Estados membros cun PIB inferior ao 90 % da media da UE, este fondo promove o crecemento sostible e a conectividade mediante investimentos en infraestruturas verdes e redes transeuropeas. España non é beneficiaria neste período, pero si outros países da UE central e oriental.
  • Fondo de Transición Xusta (FTX)
    Ten como obxectivo apoiar aos territorios máis afectados pola transición cara a unha economía climáticamente neutra. Financia proxectos que promovan a reconversión industrial, a reactivación do emprego e a diversificación económica en zonas dependentes de actividades con alto impacto ambiental.
  • Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) - PEPAC
    Durante o período 2023-2027, o FEADER intégrase no Plan Estratéxico da PAC (PEPAC). Este fondo contribúe ao desenvolvemento sostible das zonas rurais, á protección do medio ambiente, á loita contra o cambio climático e á mellora da competitividade do sector agrario e forestal, favorecendo a fixación de poboación no rural.
  • Fondo Europeo Marítimo, da Pesca e da Acuicultura (FEMPA)

    É o fondo que apoia a política pesqueira e marítima da UE. O FEMPA promove a pesca e a acuicultura sustentables, o desenvolvemento das comunidades costeiras, a protección da biodiversidade mariña e a transición ecolóxica do sector.

Todos estes fondos están orientados a construír unha economía europea máis competitiva, verde, inclusiva e dixital, centrada nas persoas e nos territorios. A súa acción concéntrase principalmente en cinco ámbitos estratéxicos:

  •  Investigación e innovación
  •  Tecnoloxías dixitais
  •  Economía hipocarbónica
  •  Xestión sustentable dos recursos naturais
  •  Apoio ás pequenas empresas


 Os tres primeiros fondos –FEDER, FSE+ e Fondo de Cohesión– son os instrumentos clave da política de cohesión da Unión Europea, contribuíndo decisivamente á solidariedade entre rexións e ao desenvolvemento equilibrado do territorio europeo.