Plan Proxecta+
O Plan Proxecta+ é unha iniciativa da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que promovan o traballo cooperativo, interdisciplinario e competencial, e que ademais estean comprometidos coa consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.
O programa abarca diversas temáticas vencelladas aos mencionados obxectivos: igualdade e educación afectivo-sexual, mobilidade sostible, educación patrimonial, hábitos de vida saudables (alimentación e vida activa e deportiva), desenvolvemento sostible e concienciación ambiental, cidadanía mundial etc. Para acadar os obxectivos propostos, este plan promove a realización de proxectos interdisciplinarios que fomenten o papel activo do alumnado ante os desafíos sociais, económicos e ambientais da sociedade actual e do futuro e sirvan de modelo de traballo ou de boa práctica, tanto para o propio centro no que se orixinan como para o resto da comunidade educativa galega.
Neste curso escolar 2025/26 ofrécense 40 programas educativos, que poden ser consultados na web do Plan Proxecta+ (véx. Programas)
Na súa última edición, o Plan Proxecta+ conta cun novo programa dedicado aos Fondos Europeos:
O programa Fondos Europeos consiste en desenvolver un proxecto de innovación educativa abranguendo varias disciplinas, como a de coñecemento do medio, historia, economía, xeografía, lingua, entre outras de cara a profundar na construción da Unión Europea, dos principios e os pilares de dereitos que a constitúen, e do fomento da cohesión económica e social dos países membros e das rexións que a conforman, na busca do crecemento e do benestar dos países e da cidadanía e de cara á diminución das disparidades entre países e rexións europeas.
O seu obxectivo xeral é a difusión e divulgación sobre a contribución dos fondos europeos ao desenvolvemento económico e social de Galicia.
Achegamento ao significado da construción da Unión Europea e aos avances económicos e sociais para os países e rexións europeas.
Ligazón
Material didáctico:
Unidades didácticas sobre os Fondos Europeos
- A Unión Europea en Galicia. “Xuntos por un futuro común”
- Que son os Fondos Europeos? “Fondos europeos: construíndo oportunidades para Galicia”
- O Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). “Crecemento con cohesión: así constrúe Europa”
- Fondo Social Europeo Plus (FSE+). “Investir nas persoas”
- Fondos de Cooperación Territorial Europea. (FCTE) "Cooperar é medrar xuntos." (Interreg)
- Fondos Next Generation EU. “Igualdade, innovación e progreso: o legado Next Generation”
- Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e Fondo Europeo de Garantía Agraria (FEAGA) “A UE sementando futuro no rural galego”
- Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (FEMPA) “O mar como fonte de vida, cultura e futuro”
- Fondos Europeos formativos. “Formarse, investigar e conectar para transformar Europa”
- Fondo Europeo de Transición Xusta (FTX). “Cambiar de modelo sen deixar a ninguén atrás.”