FEMP GALICIA 2014 - 2020
O FEMP
O Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) é un dos cinco Fondos Estruturais e de Investimentos Europeos (Fondos EIE) para o período 2014-2020 que contribúe á consecución dos obxectivos da Política Pesqueira Común (PPC), a Política Marítima Integrada (PMI) e á estratexia Europa 2020.
O ámbito de aplicación do FEMP inclúe axudas á PPC para a conservación dos recursos biolóxicos mariños, a xestión da pesca e das frotas que explotan os devanditos recursos, os recursos biolóxicos de auga doce e a acuicultura, así como para a transformación e comercialización dos produtos da pesca e da acuicultura, cando estas actividades sexan realizadas no territorio dos Estados membros ou por buques pesqueiros da Unión ou por nacionais de Estados membros. Tamén presta apoio para o control e a inspección así como para dispor de información completa e fiable, tanto con fines de asesoramento científico como a efectos de execución e control.
Convén indicar tamén o apoio do FEMP á PMI, no que respecta ao desenvolvemento e a execución de operacións coordinadas e á toma de decisións con respecto aos océanos, mares, rexións costeiras e sectores marítimos, que complementan as diversas políticas da Unión que inciden neses ámbitos.
Prioridades
O FEMP perseguirá as seguintes prioridades da Unión, respecto do desenvolvemento sostible das actividades da pesca, acuicultura e actividades conexas:
- Fomentar unha pesca sostible dende o punto de vista medioambiental, eficiente no uso dos recursos, innovadora, competitiva e baseada no coñecemento a través dos seguintes obxectivos específicos:
- A redución do impacto da pesca no medio mariño, o que incluirá evitar e reducir, na medida do posible as capturas non desexadas
- A protección e a recuperación da biodiversidade e os ecosistemas acuáticos.
- O equilibrio entre a capacidade pesqueira e as posibilidades de pesca dispoñibles.
- O fomento da competitividade e a viabilidade das empresas do sector da pesca, con inclusión da pesca costeira artesanal, e mellora das condicións de seguridade e traballo.
- O apoio á consolidación do desenvolvemento tecnolóxico, a innovación, incluído o aumento da eficiencia enerxética e a transferencia de coñecementos.
- O desenvolvemento da formación profesional, de novas competencias profesionais e da formación permanente.
- Fomentar unha acuicultura sostible dende o punto de vista medioambiental, eficiente no uso dos recursos, innovadora, competitiva e baseada no coñecemento a través dos seguintes obxectivos específicos:
- O apoio á consolidación do desenvolvemento tecnolóxico, a innovación e a transferencia de coñecementos.
- O fomento da competitividade e a viabilidade das empresas acuícolas, incluída a mellora de seguridade e das condicións de traballo, en particular das PEME (Pequenas e Medianas Empresas).
- A protección e a recuperación da biodiversidade acuática e a potenciación dos ecosistemas relacionados coa acuicultura e fomento dunha acuicultura eficiente no uso dos recursos.
- O fomento dunha acuicultura cun elevado nivel de protección do medio ambiente, e a promoción da saúde e o benestar dos animais, e da saúde e a protección públicas.
- O desenvolvemento da formación profesional, de novas competencias profesionais e da formación permanente.
- Fomentar a aplicación da PPC mediante os seguintes obxectivos específicos:
- A mellora e o aporte de coñecementos científicos así como a mellora na recompilación e xestión de datos.
- O apoio á supervisión, ao control e a observancia, a potenciación da capacidade institucional e unha administración pública eficiente, sen aumentar a carga administrativa.
- Aumentar o emprego e a cohesión territorial mediante o obxectivo específico de fomentar o crecemento económico, a inclusión social, a creación de emprego e o apoio á empregabilidade e a mobilidade laboral nas comunidades costeiras e de interior dependentes da pesca e a acuicultura, incluíndo a diversificación das actividades realizadas no marco da pesca e respecto doutros sectores da economía marítima.
- Fomentar a comercialización e a transformación a través dos seguintes obxectivos específicos:
- A mellora da organización de mercados dos produtos da pesca e a acuicultura.
- O incentivo dos investimentos nos sectores da transformación e a comercialización.
- Fomentar a aplicación da PMI.
Funcionamento
Unha parte do orzamento total do Fondo é asignada a cada estado membro en función do tamaño do seu sector pesqueiro.
Cada estado membro elabora un programa operativo (aprobado pola Comisión), no que establece como vai dispor do diñeiro da parte do Fondo que lle corresponde.
En España, o estado membro a través da Secretaría General de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca y Medio Ambiente (autoridade nacional de xestión do Fondo), distribúeo entre as Comunidades Autónomas segundo o peso do sector de cada unha delas.
Cada Comunidade Autónoma, como a propia autoridade de xestión de xeito independente, determinan as medidas que van empregar do Fondo para acadar os respectivos obxectivos sempre aliñados coa PPC e con Europa 2020. O organismo intermedio de xestión (Comunidade Autónoma) ou a autoridade nacional, decide os proxectos que se van financiar.
Os criterios para a selección de proxectos son elaborados conxuntamente polos organismos intermedios de xestión das CCAA e a autoridade nacional de xestión, de xeito que existe un documento único de criterios de selección para España.
Para que a autoridade nacional reciba o reembolso das cantidades abonadas ao beneficiario pola propia autoridade ou polos distintos organismos intermedios, deberá certificarse á devandita cantidade á Comisión.
As autoridades nacionais e a Comisión son responsables conxuntamente da aplicación do programa.