Etapa 2021 - 2027

Estratexia e Guía de Comunicación 2021 - 2027

As normas detalladas relativas ás medidas de información e comunicación dirixidas ao público e as medidas de información dirixidas aos solicitantes e os beneficiarios establécense no Capítulo III do Título IV do Reglamento (UE) Nº 2021/1060 del Parlamento Europeo y del Consejo de 24 de junio de 2021.

En desenvolvemento do devandito Capítulo, no Anexo IX do Regulamento especifícanse unha serie de normas que se deben ter en conta en todas as actividades de información e comunicación.





O concurso Europa-Xunta

O concurso Europa-Xunta

O Concurso Anual de Comunicación de Fondos Europeos de Galicia – Premios #EuropaXunta é unha iniciativa promovida pola Dirección Xeral de Cohesión e Fondos Europeos da Consellería de Facenda e Administración Pública, que ten como obxectivo dar visibilidade e recoñecer os proxectos europeos que contribúen ao desenvolvemento de Galicia grazas ao financiamento comunitario, ao tempo que fomenta a conciencia cidadá sobre o impacto real destes fondos no territorio. O concurso selecciona, premia, comunica e difunde os proxectos europeos que recibisen financiamento a través dos fondos europeos de xestión compartida (proxectos cofinanciados polo FEDER, incluído o obxectivo de cooperación territorial europea, polo FSE/FSE+, polo FEMP/FEMPA, polo FTX, polo FEADER e polo FEAGA) ou de xestión directa pola Comisión Europea (LIFE/LIFE+, HORIZONTE 2020, HORIZONTE EUROPA, LEADER, etc), así como aqueles financiados polo Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.

1ª Edición EuropaXunta. Octubre 2024

2ª Edición EuropaXunta. Octubre 2025

A cerimonia de entrega dos Premios #EuropaXunta 2025 celebrouse o pasado 31 de outubro no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), en Santiago de Compostela, e puido seguirse en directo a través de YouTube Live.

Categorías dos Premios #EuropaXunta 2025

Os proxectos participantes competiron nas seguintes categorías, que reflicten as grandes prioridades europeas para o crecemento e a cohesión:

  1. #EuropaXunta é máis Intelixente, Competitiva e Dixital
  2. #EuropaXunta é máis Verde e Conectada
  3. #EuropaXunta pola Inclusión Social
  4. #EuropaXunta pola Educación e o Emprego
  5. #EuropaXunta no Ámbito Local
  6. #EuropaXunta é Innovadora e Novidosa

Proxecto gañador

O proxecto gañador desta edición foi Xuventude Mentoring – Transición do ámbito académico ao laboral, cofinanciado polo FSE+ Galicia 2021-2027.

Este programa promove a inserción laboral da mocidade titulada galega mediante accións de orientación, formación e mentoría, en colaboración coas universidades galegas. A través de titorías individualizadas, formación en competencias profesionais e o acompañamento de máis de 400 persoas mentoras do tecido empresarial, o programa facilita a conexión entre o talento novo e o mundo laboral.

Con máis de 700 participantes e un índice de inserción superior ao 50 %, o Xuventude Mentoring consolidouse como un referente en Galicia no apoio á mocidade para o acceso ao emprego cualificado e ao emprendemento.
 

Coñece os finalistas

A continuación podes coñecer os tres finalistas de cada categoría e descubrir as iniciativas que destacaron polo seu compromiso co desenvolvemento e a cohesión de Galicia grazas ao apoio dos fondos europeos.

 1.#EuropaXunta é máis Intelixente, Competitiva e Dixital

Recoñece proxectos que impulsen a transformación industrial, o apoio ás pemes, a investigación e a dixitalización, fortalecendo a competitividade económica e a capacidade innovadora de Galicia.

Estes son os tres proxectos máis votados e o gañador desta categoría:

NextPerception (Horizonte 2020)

O proxecto PERSIST – Seguimento personalizado a sobreviventes de cancro desenvolveu un ecosistema dixital baseado en Big Data e intelixencia artificial para mellorar o seguimento e a atención aos sobreviventes de cancro. A través dunha plataforma interoperable e dunha aplicación mHealth, recóllense datos de sensores móbiles e historiales médicos para crear modelos predictivos que apoian a toma de decisións clínicas e melloran a calidade de vida dos pacientes. O proxecto tamén demostrou o valor das biopsias líquidas no seguimento do cancro e promoveu un enfoque centrado no paciente, coa participación directa de profesionais e usuarios en catro países.

SisAl Pilot (Horizonte 2020)

SisAl Pilot – Produción sostible de silicio a partir de materias primas secundarias (HORIZONTE 2020) validou un proceso industrial innovador para producir silicio sostible, substituíndo o tradicional e intensivo proceso en carbono por unha redución aluminotérmica con chatarra de aluminio, logrando reducir ata un terzo do consumo enerxético e as emisións de CO₂. O CITMAga desenvolveu complexos modelos matemáticos e de simulación para optimizar os fornos industriais e confirmar a viabilidade técnica do novo método. O proxecto, cun orzamento global de máis de 14 millóns de euros, reforza a autonomía europea en materias primas críticas e promove unha industria pesada máis limpa, eficiente e competitiva.

 NextPerception (Horizonte 2020)

O proxecto NextPerception – Sensores intelixentes de nova xeración para saúde e mobilidade (HORIZONTE 2020) impulsa o desenvolvemento de sensores de percepción avanzada (radar, LiDAR e cámaras 3D) e de intelixencia distribuída para mellorar a monitorización proactiva da saúde, o benestar e a seguridade na automoción. A Universidade de Vigo contribúe á creación dun paradigma de computación descentralizada que combina capacidades Edge e Cloud, garantindo sistemas máis seguros e fiables. O consorcio internacional, con 43 socios de 7 países, traballa en tres casos de uso: seguimento da vitalidade en persoas maiores, vixilancia do condutor e protección de peóns e ciclistas.

 2.#EuropaXunta é máis Verde e Conectada

Premia iniciativas que promovan a transición ecolóxica e a mobilidade sostible: proxectos de enerxías renovables, protección ambiental, loita contra o cambio climático, economía circular ou mellora das conexións e do transporte sustentable.

Estes son os tres proxectos máis votados e o gañador desta categoría:

SAFEWAY (Horizonte 2020) - GAÑADOR

O proxecto SAFEWAY– Xestión intelixente para infraestruturas de transporte resilientes, coordinado pola Universidade de Vigo no marco de Horizonte 2020, desenvolveu un sistema de xestión de infraestruturas baseado en tecnoloxías GIS, Big Data e intelixencia artificial para mellorar a resiliencia das redes viarias e ferroviarias fronte a eventos extremos, tanto naturais como humanos. Creou ferramentas para anticipar e mitigar riscos como inundacións, incendios, movementos de terra ou vandalismo, integrando tecnoloxías de teledetección, monitorización en tempo real e análise de datos en nube. A súa plataforma modular permite optimizar a toma de decisións en situacións críticas e fortalecer a seguridade e a sustentabilidade do transporte europeo.

RE-MAR III (FEMP)

A terceira edición do proxecto RE-MAR – Custodia ambiental no Arco Atlántico Galego, impulsado pola asociación AMICOS e cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), promoveu accións de custodia ambiental e redución de residuos mariños no espazo protexido do Arco Atlántico Galego. A través de xornadas de recollida de lixo, campañas de sensibilización, auditorías ambientais e formación a profesionais do sector pesqueiro, implicouse a máis de 1.500 persoas, incluíndo colectivos vulnerables. O proxecto tamén creou o distintivo “Buque Azul” para recoñecer boas prácticas en xestión de residuos e recibiu o Premio Sky Blue (2023) e o Premio Activistas para el Futuro (2024) polo seu impacto en sostibilidade e educación ambiental.

Intermodal Santiago (FEDER)

O proxecto Intermodal Santiago – Mobilidade sostible e conexión ferroviaria, cofinanciado polo FEDER, impulsou a creación dunha nova estación intermodal que integra transporte ferroviario, autobuses e mobilidade urbana sostible na cidade de Santiago de Compostela. Esta infraestrutura permite mellorar a eficiencia dos desprazamentos, reducir o impacto ambiental e favorecer a conexión entre diferentes modos de transporte, consolidando a capital galega como un nó estratéxico de mobilidade verde e conectada.

 3.#EuropaXunta pola Inclusión Social

Destinada a proxectos que fomenten a igualdade de oportunidades e a cohesión social, mellorando o acceso a servizos de emprego, saúde, educación, coidados e apoio ás persoas en situación de vulnerabilidade.

Estes son os tres proxectos máis votados e o gañador desta categoría:

Aula do Mar da Mariña (FEMP) - GAÑADOR

O proxecto, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), promove a creación dunha Aula do Mar na Mariña lucense como espazo educativo e de divulgación sobre o ecosistema mariño e o desenvolvemento sostible do litoral. A iniciativa busca fomentar o coñecemento do medio mariño entre a poboación escolar e local, promover boas prácticas ambientais e poñer en valor os recursos mariños e pesqueiros da zona. O proxecto reforza o vínculo entre a cidadanía e o mar, combinando educación ambiental, turismo sustentable e conservación.

Programa Paso a Paso (FSE+)

Programa Paso a Paso – Inclusión social e laboral da poboación migrante, impulsado pola ONG Mestura e cofinanciado polo FSE+ Galicia 2021–2027, ofrece atención integral á poboación migrante en risco de exclusión social nas comarcas da Coruña, Ordes e Betanzos. A través de servizos de atención básica, formación, orientación laboral, asesoramento xurídico e aprendizaxe lingüística, o proxecto favorece a integración socioeconómica e o acceso ao emprego. Cun enfoque centrado nas persoas, acompaña a máis de 700 beneficiarios e impulsa a súa participación activa na comunidade, fortalecendo a cohesión social e a igualdade de oportunidades.

Pontes cara á Dignidade (FSE+)

O proxecto “Pontes cara á Dignidade– Inclusión social e saúde mental en Lugo”, desenvolvido por ALUME Saúde Mental, promove a inclusión social e laboral de persoas sen fogar con trastornos mentais graves na cidade de Lugo. A través dun enfoque comunitario e centrado na persoa, combina atención psicosocial, formación en habilidades, apoio á estabilidade habitacional e coordinación entre entidades públicas e sociais. Con máis de 30 participantes, o programa logrou mellorar o acceso aos servizos sociais e sanitarios, a autoestima e a participación comunitaria. Cofinanciado polo FSE+ Galicia 2021–2027, constitúe un modelo innovador e replicable de intervención en exclusión severa.

 4.#EuropaXunta pola Educación e o Emprego

Recoñece proxectos que invisten na educación, formación e aprendizaxe permanente, así como iniciativas que fomenten o emprego de calidade, o emprendemento e a inserción laboral, especialmente da mocidade.

Estes son os tres proxectos máis votados e o finalista desta categoría, Galicia Mentoring, que resultou ser o gañador nesta categoría e do premio ao mellor proxecto:

Xuventude Mentoring (FSE+) - PROXECTO GAÑADOR

O programa Xuventude Mentoring – Transición do ámbito académico ao laboral, cofinanciado polo FSE+ Galicia 2021-2027, promove a inserción laboral da mocidade titulada galega mediante orientación, formación e mentoría. En colaboración coas universidades galegas, ofrece titorías individualizadas, formación en competencias profesionais e acompañamento por parte de máis de 400 persoas mentoras do tecido empresarial. Con máis de 700 participantes e un índice de inserción superior ao 50 %, o programa converteuse nun referente no apoio á mocidade para o acceso ao emprego cualificado e o emprendemento en Galicia.

Xuventude Mentoring na Empresa (FSE+)

Xuventude Mentoring na Empresa, impulsado pola Dirección Xeral de Xuventude e cofinanciado polo FSE+, facilita estadías formativas remuneradas en empresas galegas a mozos e mozas inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil. Durante entre tres e catro meses, as persoas participantes completan 100 horas de prácticas e formación adicional en competencias profesionais, cunha bolsa mínima de 630 € mensuais. A súa primeira edición, cun orzamento de 1,28 millóns de euros, contou con 170 prazas e acadou un 30 % de inserción laboral, reforzando o vínculo entre mocidade e tecido empresarial.

HEI4Future (Horizonte Europa)

O proxecto HEI4Future –Transformación sostible e innovación nas universidades europeas, no marco de Horizonte Europa, fomenta a capacidade innovadora e emprendedora das institucións de educación superior para contribuír á transición verde e dixital en Europa. Coordinado pola Universidade de Vigo, o consorcio integra universidades e empresas europeas para impulsar a creación de ecosistemas de innovación abertos e colaborativos. A través de accións formativas, programas piloto e cooperación transnacional, o proxecto busca transformar o papel das universidades como motores de cambio sostible e desenvolvemento económico intelixente.

 5.#EuropaXunta no Ámbito Local

Recoñece proxectos que invisten na educación, formación e aprendizaxe permanente, así como iniciativas que fomenten o emprego de calidade, o emprendemento e a inserción laboral, especialmente da mocidade.

Estes son os tres proxectos máis votados e o finalista desta categoría, Galicia Mentoring, que resultou ser o gañador nesta categoría e do premio ao mellor proxecto:

Begonte Genera (FEADER) – GAÑADOR
O proxecto Begonte Genera constitúe o maior Mercado Local de Enerxía (MLE) do territorio estatal. Trátase dun modelo innovador de xeración e consumo enerxético, baseado na implementación dunha microrrede eléctrica intelixente e bidireccional, que emprega tecnoloxía fotovoltaica para a produción de electricidade a partir de fontes renovables en xeración distribuída, e un complexo sistema de almacenamento intelixente que garante un subministro estable as 24 horas do día, os 7 días da semana. Está cofinanciado por FEADER.

En Rede – Participación e liderado feminino no rural (FSE+)

proxecto En Rede, impulsado polos concellos de San Xoán de Río e Larouco e cofinanciado polo FSE+, promove o empoderamento e a inclusión social de mulleres do rural ourensán en risco de illamento. A través de atención individual, obradoiros cocreativos, actividades de saúde e espazos de participación cidadá, fomenta a autoestima, as habilidades sociais e a autonomía persoal. Todas as accións son desenvolvidas por profesionais e emprendementos femininos, xerando tamén impacto económico local e fortalecendo o tecido comunitario.

Transformando Brión (FEADER)

Cofinanciado polo FEADER a través da medida LEADER, o proxecto Transformando Brión creou un centro de transformación agroalimentaria que ofrece instalacións comúns con rexistro sanitario para pequenos produtores. O espazo fomenta a produción sostible, o emprendemento rural e a economía circular, permitindo a transformación e comercialización de produtos locais. Con máis de 230 usuarios de toda Galicia, maioritariamente mulleres, converteuse nun referente en innovación rural e colaboración no sector primario.

 6.#EuropaXunta é Innovadora e Novidosa

Recoñece proxectos aínda en desenvolvemento que achegan novas solucións ou enfoques pioneiros fronte aos retos actuais, introducindo melloras na forma de actuar respecto de períodos anteriores.

Estes son os tres proxectos máis votados e o gañador desta categoría:

Centro de Protonterapia de Galicia (FEDER) - GAÑADOR

Cofinanciado polo FEDER 2021–2027 e promovido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), o Centro de Protonterapia de Galicia supón un fito na atención oncolóxica avanzada. A terapia de protóns permite aplicar radiación de alta precisión sobre tumores, reducindo os danos nos tecidos sans e mellorando a calidade de vida dos pacientes, especialmente nenos e persoas con tumores en zonas sensibles como cerebro, ollos ou medula espiñal. Cun investimento superior aos 22 millóns de euros, o novo centro evitará o desprazamento de pacientes a outras rexións e situará Galicia á vangarda da medicina radioterápica europea.

IO4COLON (FEDER)

O proxecto IO4COLON, cofinanciado polo FEDER a través do programa PYME Innova, tivo como obxectivo o descubrimento e desenvolvemento preclínico de novos candidatos a fármacos para o tratamento do cancro de colon mediante a activación do sistema inmunitario. Liderado pola empresa galega GalChimia, en colaboración con Oncostellae e AMS Lab, o proxecto combinou dúas liñas de investigación: inhibidores da quinasa ALK5 e antagonistas de glucocorticoides GR, ambos con resultados prometedores en modelos animais. Representou un salto cualitativo para a biotecnoloxía galega, ao ser o primeiro proxecto con capital galego orientado a crear un medicamento eficaz contra este tipo de cancro.

Prevención do Suicidio na Mocidade (FSE+)

Este proxecto, cofinanciado polo FSE+ Galicia 2021–2027, impulsa a creación dun programa integral de prevención do suicidio (Youth Aware of Mental Health (YAM)) orientado á detección temperá, atención psicolóxica e acompañamento a persoas en risco, así como ao apoio ás familias e profesionais. A iniciativa aposta por fortalecer os recursos de saúde mental na comunidade, promover campañas de sensibilización e crear protocolos de coordinación entre servizos sanitarios, educativos e sociais. O proxecto contribúe directamente aos obxectivos europeos de benestar emocional e inclusión social, consolidando unha rede galega de atención preventiva.