A estratexia de compra pública de innovación do Sergas e galardoada nos premios do sector público europeo
Unha iniciativa presentada pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde, en colaboración co SERGAS e a Consellería de Sanidade, que se desenvolve desde 2012
Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2026
A Estratexia de Compra Pública de Innovación (CPI) do Servizo Galego de Saúde foi recoñecida nos European Public Sector Awards 2025-26, ao resultar gañadora na categoría de Prestación de servizos centrados no usuario a nivel subnacional, entre 36 iniciativas presentadas.
Este recoñecemento pon en valor unha forma de impulsar a innovación desde o sector público: identificar necesidades reais do sistema sanitario e buscar, xunto co tecido empresarial e o ecosistema de coñecemento, novas solucións que permitan mellorar os servizos que reciben as persoas.
Nesta aposta pola innovación sanitaria tiveron un papel relevante os #FondosEuropeos, que contribuíron ao desenvolvemento de proxectos como InnovaSaúde e Hospital 2050, iniciativas que impulsaron a colaboración entre o sistema sanitario, as empresas e os centros de coñecemento para desenvolver e incorporar novas solucións ao Servizo Galego de Saúde.
Un exemplo de como a innovación e os fondos europeos poden converterse en ferramentas para mellorar os servizos públicos e responder aos retos presentes e futuros da sociedade.