28 abr. 2018

Máis de 17.000 persoas beneficiáronse en Galicia das actuacións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo en 2017

O FSE aprobou operacións ata o pasado ano por importe de 208 millóns de euros

A través deste programa desenvolvéronse actividades dirixidas a persoas desempregadas ou en risco de exclusión social e de mellora da aprendizaxe e do rendemento

Máis de 17.000 persoas –o 70% mulleres- beneficiáronse en Galicia das actuacións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) en 2017. Estas actuacións, cun importe de 208 millóns de euros, teñen como obxectivo apoiar o emprego e a formación das persoas, e loitar contra a pobreza e a discriminación.
Entre as actuacións desenvolvidas, no eixe 1 –centrado na mellora da calidade do emprego- realizáronse 4.068 proxectos para aumentar as competencias emprendedoras e incrementar o número de empresas e iniciativas de traballo por conta propia a través da promoción do emprego autónomo. Ademais, 638 traballadores de 59 empresas beneficiáronse de axudas para implantar a igualdade e a conciliación da vida laboral.

O eixe 2, para a promoción da inclusión social e a loita contra a pobreza e calquera forma de discriminación, beneficiou a 2.319 persoas con cursos sobre competencias clave como a comunicación e a formación profesional básica. Ademais, 1.692 persoas participaron en 82 itinerarios de integración socio laboral. Mediante o FSE atendeuse tamén a máis de 500 persoas a través de medidas contra a explotación sexual e o tráfico de persoas, e 214 persoas con discapacidade accederon a axudas para mellorar a súa autonomía persoal.

No referido ao investimento en educación do eixe 3, as accións dirixíronse a reducir o abandono escolar, para o que se realizaron programas de mellora da aprendizaxe e o rendemento no que participaron 1.670 persoas; ou ciclos medios de formación profesional que beneficiaron a más de 4.200 persoas, entre outros.

Estas cifras foron presentadas no comité de seguimento do programa operativo do Fondo Social Europeo 2014-2020 correspondente a 2017, celebrado esta semana en Santiago. Na reunión participaron representantes da unidade do FSE do Ministerio de Emprego e Seguridade Social, como autoridade de xestión do programa; e por parte da Comisión Europea, asistiu a xefa de unidade de España-Malta da D.X. de Emprego e Asuntos Sociais, Emma Toledano.

En canto ao Executivo galego, encabezou este foro o director xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos, David Cabañó, responsable do organismo intermedio. Asistiron tamén representantes das organizacións económicas e sociais con máis representatividade en Galicia, así como os órganos xestores da Xunta de Galicia.

Con motivo da celebración do comité, os seus integrantes realizaron unha visita de traballo á ONG Mestura situada no concello coruñés de Culleredo, unha organización que loita pola integración social das persoas inmigrantes e emigrantes retornadas beneficiada polas axudas do Fondo Social Europeo.

A celebración deste comité enmárcase nunha actuación cofinanciada polo Fondo Social Europeo no marco do programa operativo FSE de Galicia 2014-2020, con cargo ao eixe prioritario de asistencia técnica deste fondo, cunha taxa de cofinanciamento do 80%. "O FSE inviste no teu futuro".

Volver