Fecha
10 xan. 2018 - 00:00:00
Subtítulo
Imagen Principal
Cuerpo

Únese a esta iniciativa do Comité Europeo das Rexións neste ano 2018, no que se iniciarán as negociacións para definir o orzamento da UE despois de 2020

A nosa Comunidade recibe 2.810 M € en concepto de fondos FEDER e FSE, que van integramente destinados ao cumprimento da Estratexia Europa 2020
 
Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2018. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asinou hoxe a adhesión ao documento ‘Alianza pola Cohesión', unha iniciativa que pretende que a política de cohesión continúe a ser un piar no orzamento da UE.

Deste modo, Galicia únese a unha iniciativa do Comité Europeo das Rexións (CdR) neste ano 2018, no que se iniciarán as negociacións para definir o orzamento da UE a partir de 2020.

En concreto, a nosa Comunidade defende a importancia dunha política de cohesión que chegue a todas as rexións europeas e que non só utilice o Produto Interior Bruto (PIB) como criterio de reparto, senón tamén outros aspectos como o cambio demográfico.

Para isto, é fundamental fortalecer o papel das rexións na súa xestión, así como desenvolver un enfoque integrado urbano-rural, que permita que as axudas europeas contribúan ao crecemento destas últimas áreas.

No período actual, Galicia recibe 2.810 M€ en concepto de fondos FEDER e FSE, que van integramente destinados ao cumprimento da Estratexia Europa 2020, cuxos obxectivos foron trasladados ao Plan estratéxico de Galicia 2015-2020.

Nun momento no que xorden novas prioridades, como a defensa, a seguridade, o control fronteirizo e o impacto do brexit sobre o orzamento da UE, é preciso salientar a eficacia que as políticas de cohesión tiveron nos últimos anos.

Imagen relacionada
Url noticia externa